Sunday 05 de May de 2024

O alumnado da ESO celebra o Día Mundial Forestal


 

A rapazada da ESO deixou as aulas ás 12.30h. para completar a plantación de árbores ao longo da Avenida Marqués de Figueroa, continuando así o traballo que fixeron o venres pasado os seus compañeiros e compañeiras de Infantil e Primaria coincidindo coa acción ambiental Fridays for Future. Igual cós cursos inferiores, a cativería adolescente tamén deixou penduradas nas árbores distintas mensaxes relacionadas coa preservación do medio e o coidado da natureza. Unha vez que se completen as obras en Marqués de Figueroa, o concello trasladará os lemas a unhas pequenas placas que quedarán fixadas ao pé de cadansúa árbore.

O acto simbólico con motivo deste día desenvolveuse na metade superior da avenida mentres que na metade máis próxima ao Concello continuaban as obras de aglomerado iniciadas esta mañá. Os labores leváronse a cabo sen incidencias, salvo pequenas retencións pouco despois das 8.30h. por mor da entrada de maquinaria pesada na zona de traballo e pola chegada do transporte escolar.

O alcalde, Secundino García, agradeceu a “total colaboración da veciñanza” á hora de atender as restricións circulatorias e a prohibición de aparcar ao longo da avenida, algo que, segundo o rexedor “faille máis doado o traballo á empresa e pódese avanzar moito máis rápido”.

García tamén quixo agradecer “a paciencia e a boa disposición” dos veciños e veciñas, así como dos negocios do principal eixo do centro urbano. “A xente quere tanto coma nós que a obra quede ben. Nos planos vai definido todo o que hai que facer, pero despois, cando se empeza a traballar, sempre van aparecendo cousas e detalles que hai que solucionar sobre a marcha, para o que foi fundamental a axuda das veciñas e veciños”.

Tal cual avanzan as obras agárdase que o aglomerado da Avenida Marqués de Figueroa quede rematado na tarde de mañá venres, ou incluso antes. Ata daquela mantense a prohibición de estacionar e o tráfico continuará regulado.